Adxudicado en 98.000€ o Plan de Roza das vías rurais

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou adxudicar á empresa Servizos Agrícolas Moure SL o Plan de Roza das vías rurais do municipio deste ano por un importe de 98.000€, ao presentar a oferta máis vantaxosa, cun prezo por quilómetro de 130,56€ e a incorporación de dous tractores a maiores da cantidade mínima esixida nos pregos que rexeron a contratación, establecida en 8. As tarefas realizaranse en 750 quilómetros de estradas e pistas das 54 parroquias de Lugo durante tres meses.

Miguel Fernández subliñou que coa roza “melloramos as comunicacións, a seguridade viaria e a comodidade dos conductores, ademais de previr incendios, o que en definitiva mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas que viven no rural, algo fundamental para dinamizar economicamente as parroquias e fixar poboación”.

Tapón urbanístico

O voceiro municipal avanzou tamén que mañá pola mañá operarios e maquinaria do Concello comezarán a derruba do muro que provoca o tapón urbanístico da Avenida da Coruña. Ao tempo que a entidade local tira con medios propios a estrutura e adecúa de maneira provisional o espazo, o Goberno avanza nos trámites para contratar de maneira inmediata as obras de urbanización da beirarrúa. O Executivo toma a decisión de comezar a actuar xa, unha vez que hoxe mesmo a Xunta de Goberno aprobou os proxectos de urbanización e de expropiación necesarios para a eliminación do tapón da Avenida da Coruña e porque “entendemos que os veciños e veciñas non poden esperar nin un día máis por esta actuación que levan moitos anos demandando”, subliñou Miguel Fernández.

As obras de urbanización da zona teñen un orzamento de 41.404€, polo que se tramitarán a través dun contrato menor, “o que acurta moito os prazos”, asegurou o voceiro do Concello. Deste xeito, dado que o prazo de execución dos traballos é de tres meses, “a nosa previsión apunta a que o tapón urbanístico estará eliminado despois do verán”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com