A Consellería de Cultura e Turismo vén de adxudicar o contrato de conservación e mantemento da Muralla de Lugo, que suporá un investimento de 235.000 euros para os próximos doce meses.
A empresa adxudicataria –Restauracións e Construcións Luís J. Sánchez, S.A (Resconsa)– será a encargada de garantir a conservación dun dos símbolos máis senlleiros da nosa Comunidade Autónoma e que é, ademais, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade.
O proxecto de intervencións contratado recolle actuacións continuas e periódicas para previr e corrixir os danos causados por axentes ambientais e outras actuacións como son a reparación dos solados, das fábricas e topetes. Tamén se restauran elementos como revocaduras, estruturas metálicas ou varandas.
Doutra banda, tamén se realizará unha limpeza da pedra e se retirará a vexetación do paseo peonil (adarve), escaleiras e dos muros exteriores e interiores dos cubos e lenzos. Esta operación, que se realiza de xeito manual, desenvólvese en colaboración coa Universidade de Santiago coa finalidade de estudar novos tratamentos e a eficacia dos mesmos.
O plan adxudicado hoxe tamén inclúe o mantemento da instalación eléctrica e de iluminación, así como mantemento xeral de elementos construtivos e outras instalacións, incluíndo a execución de diferentes obras de reparación e supervisión semanal.
Desde a Xunta lembran que, de xeito paralelo a esta actuación de conservación ordinaria, tamén están previstas a inminente contratación de novas obras de consolidación estrutural, en concreto no cubo VII e lenzo interior da súa contorna inmediata, ás que se destinan 324.000 euros.