limpeza desfinfección contenedores

Adxudicado o servizo de limpeza e recollida de lixo

O Goberno local do Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno Local de mañá a adxudicación do novo servizo de recollida de residuos urbanos, da limpeza viaria e da xestión do Punto Limpo no municipio “que renovará na súa totalidade ao actual, licitado en 1996, e que situará a Lugo na vangarda e como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sustentabilidade”, avanzou a rexedora.

A adxudicación do novo contrato prodúcese logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL) resolvera os recursos presentados polas empresas Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares e Ascan Servicios Urbanos contra a exclusión das súas ofertas, levantando asemade a suspensión dun proceso que comezou en xullo de 2020, e ao que concorreron, en total oito, empresas.

Durante este tempo tiveron que resolverse varios recursos que presentaron aquelas empresas que ían resultando excluídas. Finalmente, o Tribunal resolveu as últimas reclamacións e deulle a razón aos informes do Concello de Lugo nun proceso “que foi e está sendo totalmente garantista”, lembrou a rexedora.

A mesa de contratación, por unanimidade dos seus membros, acordou, logo de valorar as empresas que chegaron coa mellor puntuación ao final do procedemento, propoñer á UTE integrada por Copasa, Geseco e Setec Building como a adxudicataria por presentar a oferta máis vantaxosa para os intereses municipais. Así, a oferta presentada pola adxudicataria suporá un investimento total de 117.945.250 euros.

O novo contrato terá unha duración de dez anos improrrogable. Na súa elaboración tivéronse en conta, entre outros criterios, o crecemento do municipio e as súas novas esixencias, pero tamén o seu crecemento na vindeira década, así como as características dos distintos barrios e parroquias, os hábitos de consumo da veciñanza e o modelo de cidade sostible.

Deste xeito, o servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas.

Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

Unha vez formalizada a firma do contrato comezará a funcionar a todos os efectos, aínda que a concesionaria contará cun prazo máximo de 8 meses para a adquisición da nova maquinaria

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com