Lugo contará próximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa. Unha intervención que se executa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico, o proxecto co que xa se identifica a estratexia impulsada pola rexedora dende o inicio do seu mandato para transformar a cidade.
A Xunta de Goberno Local adxudicará mañá os traballos á UTE formada polas empresas Citanias Obras y Servicios e Mantemento Forestal que disporán dun prazo de cinco meses para materializalo.
A alcaldesa lucense lembrou que a actuación inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica.
A rexedora recordou tamén que o proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.
Todas as parcelas disporán dunha serie de elementos comúns:
– Zonas de hortos. Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades – dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público.
Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:
Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.
Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.
Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Diseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.
Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.
Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.
Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.
Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal. De maneira que uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade.
A modalidade de agricultura en chan se desenvolverá en socalcos de diferentes dimensións segundo o espazo dispoñible, de maneira que permitan o paso das e dos usuarios e de calquera equipo ou ferramenta de cultivo. Estarán organizados en liñas rectas para facilitar os labores de plantación e rega e permitirán o traballo simultáneo entre varias persoas.