Afundación, a Obra Social de ABANCA, dá comezo ao ciclo de cinema Mulleres na súa sede de Lugo (praza Maior, 16) coa proxección, mañá martes 13 de marzo, a partir das 20.00 h, do filme A familia Bélier. A entrada é libre e gratuíta ata
completar a capacidade.
Este ciclo de cine é parte da programación que a Obra Social de ABANCA deseñou para conmemorar o Día Internacional da Muller. As vindeiras proxeccións na Sede Afundación de Lugo serán o 20 de marzo con As sufraxistas, o 3 de abril con Tolas de alegría e o 10 de abril con As inocentes.
A familia Bélier é unha dramedia francesa dirixida por Éric Lartigau no 2014. Na familia Bélier todos os membros son xordos agás Paula, a filla adolescente que é a encargada de xestionar os labores cotiáns como falar por teléfono, tratar co banco ou acompañar aos seus pais e irmán ao médico, ademais de manter a granxa na que viven. O seu profesor de música descobre os seus dotes para o canto e a música e anímaa a formarse e a dedicarse a iso. Paula debe decidir se independizarse da súa familia, para os que o concepto de música é algo totalmente descoñecido.