Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co Museo do Pobo Galego, presenta en Lugo a exposición fotográfica A Idade do Ferro, obra do fotoxornalista José M. Salgado. Inaugurarase o vindeiro 16 de maio na Sede Afundación da capital onde se poderá visitar ata o 14 de xullo, de luns a sábado en horario de 18.00 a 21.00 h.
Esta exposición é o froito do traballo durante tres anos do fotoxornalista José M. Salgado dentro da área xeográfica do val do río Eo, tanto na súa vertente lucense como asturiana, en busca dos últimos ferreiros das comarcas da Fonsagrada, Terra de Miranda, Oscos e Taramundi. Este ensaio fotográfico leva o espectador para coñecer intimamente as xentes do ferro, os maiores, xa retirados en moitos casos, os traballadores en activo e as novas incorporacións (nalgún caso, como nos Oscos, de xentes foráneas) que dan alento a unha profesión milenaria.
Tamén se deixa entrever claramente a influencia dos ferrones vascos e navarros, que emigraron, ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII desde Euskadi e Navarra a Asturias e Galicia e foron os responsables de boa parte das ferrerías hidráulicas galegas e asturianas.