A eurodeputada Lídia Senra (Alternativa Galega de Esquerda en Europa, AGEe) e Ángela Vallina (Izquierda Unida, IU) ofreceron esta mañá en rolda de prensa no Parlamento Europeo unha análise sobre as perspectivas do sector leiteiro logo da liberalización total de mercado provocada pola finalización do sistema de cotas lácteas.
Senra e Vallina estiveron acompañadas por Antón Sánchez García, Deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e membro da Comisión de Agricultura no Parlamento Galego
Antón Sánchez destacou que para Galiza “é fundamental que as políticas de desenvolvemento rural estean focalizadas en fixar poboación”, xa que sería o xeito de “rematar ca tendencia deste últimos anos ao envellecemento, abandono e masculinización do medio rural”. O sector leiteiro revélase imprescindíbel nesta sinerxia de cambio, xa que xera “preto do 50% da produción láctea do Estado español e é a oitava rexión produtora da UE, contando con 9.000 explotacións tecnificadas”. Modernizadas, “tal é como se lles guiou dende as institucións cas políticas de intensificación”, como lembrou o eurodeputado de AGE, e que agora “moi endebedadas, teñen que sufrir que non exista un marco normativo que impida o abuso da posición de dominio da industria e da distribución”.
“Hoxe en día as gandeiras e gandeiros están a asinar contratos con prezos que non cubren custos de produción”, co que “podemos estar asistindo á continuidade dunha ‘reconversión silenciosa’ do agro galego, cara un modelo de cada vez menos explotacións e máis grandes”. Entre o 2007 e o 2013, incidiu o deputado de AGE, “pasamos de ter 9.000 explotacións con titulares menores de 40 anos a tan só 4.000, case se reduciu un 50% a poboación moza no agro galego.” Fronte a esta situación, “queremos un medio rural vivo, que aproveite todas as potencialidades do noso país”. É para aqueles que argumentan que esta situación é a propia do “libre mercado”, “non hai libre mercado para quen ten que asinar o contrato que se lle impón e non ten capacidade para negociar”, ilustrou Sánchez.