A asociación Agromuralla, formada por gandeiros e gandeiras das provincias da Coruña e Lugo, celebra no día de hoxe o Día Mundial do Leite cun acto informativo na cidade de Lugo no que os cidadáns poden descubrir que hai detrás dun vaso de leite.
Con este obxectivo, durante todo o día membros da asociación teñen un stand informativo na Praza Horta do Seminario, que poderá visitarse até as 8 da tarde e onde os que se acheguen terán a posibilidade de sentirse “gandeiros por un día” muxindo unha vaca e levando para a súa casa “un saboroso agasallo”.
“Queremos achegar o noso traballo ao consumidor e concienciar ao público máis urbano dos beneficios sociais e ambientais que aporta o sector agrogandeiro para o mantemento da poboación e a paisaxe das zonas rurais”, explican desde Agromuralla.
O leite está a ser un dos produtos que máis se está a encarecer na cesta da compra para o consumidor; sen embargo, esa revalorización non está a chegar aos produtores, afogados neste momento polo incremento dos custos de produción.
Como cada 1 de xuño, hoxe celébrase o Día Mundial do Leite, unha efeméride establecida no ano 2001 pola FAO para destacar a importancia do leite como alimento fundamental para a humanidade e recoñeder o traballo dos gandeiros que o producen.
Na mesa informativa instalada por Agromuralla o consumidor pode recibir información sobre as características nutricionais do leite, fonte de calcio, vitaminas e minerais e un dos produtos máis completos na dieta humana.
Agromuralla quere desmontar bulos e “fake news” que proliferan na actualidade, xa que, aseguran, “a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os supostos perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneas, ao igual que as que defenden que as bebidas vexetais son sustitutivas do leite”.