Agromuralla confirma que os tractores non se moverán da Ronda desatendendo a petición dos empresarios

Esta medianoite expira o prazo de 48 horas que dera a Confederación de Empresarios de Lugo, de forma coordinada cos comerciantes da cidade, á asociación Agromuralla para que busquen medidas de presión alternativas á ocupación da Ronda. Pero non fixo falta esgotar o tempo para coñecer a postura dos gandeiros, que se manteñen firmes na súa forma de protesta.

En declaracións a Lugo Si radio, Odón Castro, un dos socios de Agromuralla explicou que na última asemblea tomaron a decisión de “seguir como estamos e non facer cambios”. Castro recoñece que “as protestas sempre teñen inconvenientes para a xente” pero tamén lembra que “é inconveniente noso non poder chegar a fin de mes e temos que estar loitando aquí polo ben de todos, porque estamos vivindo momentos críticos”.

O socio de Agromuralla tamén quixo reivindicar o papel estratéxico do rural galego. “Teñen que darse conta de que o rural colle todos os sectores, e cando non haxa cartos no rural, moita xente que vive directa ou indirectamente do campo, agricultores, comercios, cooperativas, autónomos…xa non vai ter problemas de atascos porque xa non vai haber cartos para comprar ou investir”. Odón Castro matiza que “non estamos aquí por gusto” e lembra que “pasamos todo o Nadal aquí, e en días coma hoxe, chovendo. Haberá que poñer todos un pouco da nosa parte”.

Unha cidade “sitiada”

Pola súa banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, aseguraba tamén nos micrófonos de Lugo Si radio que están agardando a que haxa unha comunicación por parte de Agromuralla respondendo a ese prazo de 48 horas, a pesar de que a asociación xa fixo público a través dos medios de comunicación e mesmo das súas propias redes sociais que continúan coa tractorada. Así, no caso máis que probable de que a resposta sexa negativa, “a partir de mañá tomaremos outra serie de medidas”, asegura López.

De feito, o secretario xeral da CEL manifestou unha vez máis que “apoiamos totalmente as reclamacións do sector produtor leiteiro” pero isto “non é obstáculo para que consideremos que as medidas de reivindicación están fora de lugar, xa que están xerando moitos prexuízos, tanto económicos, de orde circulatorio e de seguridade cidadá”. Jaime López lembra que en poucos días se vai cumprir un mes “dunha cidade sitiada, unha situación moi difícil de manter, por iso lles pedimos que a nivel asembleario tomen unha decisión”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com