A Asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia que algunhas das medidas aprobadas polo Goberno central para facer fronte á inflación supoñen “unha trampa para as explotacións leiteiras”. Segundo Agromuralla, “Como consecuencia da rebaixa do IVE do leite do 4% ao 0%, as empresas están deixando de pagar o IVE aos gandeiros nas súas facturas pola compra do leite, mentres que as explotacións teñen que seguir pagando o imposto nas súas compras de medicamentos ou outros insumos, sen ter posibilidade de compensalo nas declaracións trimestrais coas cantidades cobradas por este concepto”.
Esta situación, vai provocar un “desaxuste financeiro importante nas granxas”, denuncia Agromuralla, xa que se trata de cantidades importantes que as explotacións non van poder recuperar até dentro de máis dun ano.
“No trimestre ingrésase a diferencia resultante do IVE repercutido menos o soportado, polo que a cantidade a abonar non vai ser compensada e imos ter que agardar ata o 31 de decembro para poder solicitar a devolución, que non o cobraremos ata maio de 2024”, denuncia Agromuralla.
Diferenzas entre explotacións
Esta medida supón ademais unha “discriminación entre explotacións”, xa que a aplicación da rebaixa do IVE vai depender do réxime no que se atopen encadradas á hora de determinar o rendemento da súa actividade.
Esta situación de IVE “ao 0% afecta unicamente ás explotacións que están en Estimación Directa, un sistema ao que están obrigadas aquelas que facturan máis de 250.000 euros ao ano, pero polo que apostan cada vez máis ganderías con ingresos inferiores a medida que se van profesionalizando. A modalidade de declaración mensual do IVE non está estendida entre as granxas galegas debido á complexidade na súa xestión e os custes engadidos que carrexa”.
Pola contra, “as explotacións que permanecen no sistema de Módulos, moitas veces ganderías pequenas, seguirían cobrando o IVE pola venda do seu leite, neste caso o 10,5%, xa que non fan declaración trimestral e considérase un ingreso máis da explotación”.
Gasóleo Agrícola
Ao igual que no caso da rebaixa do IVE ao leite, segundo Agromuralla, o sistema escollido para o mantemento da bonificación de 20 céntimos por litro ao gasóleo agrícola supón “que os gandeiros teñamos que adiantar os cartos”, denuncia Agromuralla, xa que a axuda concederase aos agricultores que exerzan o seu dereito á devolución das cotas do Imposto Especial de Hidrocarburos. A devolución poderase solicitar a partir do vindeiro 1 de abril pero non se cobrará até o 2024”.
“Os produtores de leite estamos facendo de banco para o Goberno, financiando as súas medidas de cara ás eleccións”, quéixanse en Agromuralla. O desaxuste contable provocado en moitas granxas vai facer que teñan problemas de liquidez nun momento de custos de produción elevados como os que se dan neste momento, xa que o feito de non ingresar IVE pola venda do leite vai afectar ao diñeiro circulante do que dispoñen as explotacións para pagar investimentos, créditos e compras”. Rematan.