Agromuralla pide a toda a poboación, teña ou non vinculación directa co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns “prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais”.
Agromuralla, que engloba a gandeiros e gandeiras das provincias de Lugo e A Coruña, convocou para este xoves unha marcha polas rúas da cidade de Lugo e o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, apela á solidariedade do conxunto da cidadanía, á que invita a participar nos actos de protesta, ao igual que apela “á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores”.
“Durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros e gandeiras seguimos traballando todo este tempo para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento de custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses as explotacións por unha suba insostible da luz, os pensos e o gasóleo e que está a afogar ás granxas”, asegura José Luis Pérez Barreiro.
Saída ás 12 da Ronda da Muralla
Os gandeiros sairán á rúa este xoves 4 de novembro para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da enerxía, os combustibles e os pensos.
A protesta arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, previa presentación por rexistro dun escrito coas reivindicacións, e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá, onde os gandeiros e gandeiras rexistrarán un escrito dirixido ao Ministerio de Agricultura coas súas demandas.
Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e despois quedarán estacionados durante todo o día na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.
Momento “crítico” para as ganderías
O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, asegura que “as granxas estamos a atravesar unha situación crítica debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite” e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.
“Galicia non se pode entender sen o rural e o medio rural de Galicia non se pode entender sen ás 6.500 ganderías que producimos leite e as 11.000 que se adican á produción de carne”, dous sectores “en risco grave de desaparecer” polos baixos prezos en orixe, insiste.
Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas
Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a “implicación directa” tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir “un prezo digno aos produtores que cubra os custos de produción”, tal como obriga a Lei da Cadea Alimentaria, e “medidas urxentes que eviten que se produzan nos vindeiros meses peches en cadea de explotacións”.
Para salvar o “momento crítico actual”, o presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se está a dar nos liñais dos supermercados “se traslade de xeito inmediato ás ganderías que o producen”. “Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas”, di, polo que reclama “unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite”.
Finalmente, José Luis Pérez Barreiro tamén considera necesario “que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado” porque, di, “non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade demostrada se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea”, denuncia.