A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla quixo manifestar hoxe o seu “total apoio ás movilizacións de agricultores e gandeiros doutras comunidades que están a defender o seu futuro e o das súas familias”, aos que o presidente de Agromuralla, Roberto López, quixo mandar unha mensaxe de “ánimo”.
“Queremos transmitir todo o noso ánimo e apoio aos agricultores e gandeiros que están saíndo cos seus tractores ás rúas de Andalucía, Extremadura, Castela e León, La Rioja ou País Vasco porque nos sentimos plenamente identificados con eles”, afirma o presidente de Agromuralla.
“Compartimos cos produtores de aceite de Andalucía, cos de cereal de Castela ou cos de froitas e hortalizas do Levante a mesma problemática: prezos que non cubren gastos e que levan á ruína do sector. Continúa habendo desequilibrios que persisten na cadea alimentaria en favor da industria e a distribución a costa dos produtores, que recibimos prezos de miseria”, asegurou, polo que pediu ao Goberno que “en vez de mandar aos antidisturbios a disolver as protestas adopte medidas para correxir as inxustizas existentes”.
“Segue fallando o reparto xusto das marxes de beneficio en todos os eslabóns da cadea de valor e a regulación normativa aprobada tralas protestas de fai 4 anos non serviron para correxir a inxustiza histórica que sufrimos os produtores”, indicou Roberto López, lembrando as tractoradas arredor da Muralla de Lugo das que naceu Agromuralla.
Agromuralla considera que “os gandeiros somos os primeiros interesados en que todo o mundo que traballa no sector agrario, igual que en todos os outros sectores, poida cobrar mellores soldos, porque é o que queremos tamén para nós mesmos” pero lembrou as dificultades que teñen moitas granxas en Galicia para atopar traballadores, “unha realidade que non se resolve unicamente cunha suba de salarios”.
“Moitas veces apróbanse normativas por parte de expertos urbanitas que non se adaptan á realidade do traballo diario nas explotacións, como a obriga de fichar, que creou dificultades engadidas á hora de organizar o traballo nas granxas. Agora apróbase unha suba do SMI que mesmo pode ter consecuencias negativas á hora de fomentar o emprego agrario, freando a contratación de man de obra”, asegura a asociación de produtores de leite.
“Todos os días o único que vemos é a falta de rendibilidade do noso traballo. O incremento dos custos de produción nos últimos anos é un feito obxectivo que non foi compensado cunha suba dos prezos de venda en orixe, polo que as marxes se reducen ao mínimo até termos que traballar a perdas. Nesa situación malamente podemos contratar a ninguén”, argumenta Roberto López, que explicou que “as continuas subas de impostos, pensos e combustibles afogan ao sector mentres eses incrementos de gastos non se ven reflectidos no prezo do leite”. “O Goberno en vez de falar diso fala de descenso de axudas da PAC e de novas esixencias e limitacións medioambientais que nos obrigan a facer investimentos para os que non temos os recursos necesarios e que conducen a endebedarnos”, explicou.
Agromuralla lamenta as cargas policiais producidas o pasado mércores na localidade de Don Benito, en Badajoz, onde a actuación dos antidisturbios deixou ducias de agricultores feridos. “Os agricultores e gandeiros somos xente pacifica que o único que pretendemos cando nos vemos obrigados a organizar unha tractorada ou unha protesta é visibilizar a situación límite ante a que nos atopamos e reclamar medidas de apoio igual que as que se poñen sobre a mesa cando son outros sectores os que atravesan dificultades”, asegura Roberto López, que engade que “estamos dacordo con que se apoie a empresas como Alcoa, que crea moitos postos de traballo, pero non queremos que se esqueza que crea moitos máis o sector leiteiro e nós tamén nos vemos afectados pola suba do prezo da luz sen recibir axuda ou compensación algunha”.
“É lamentable que o Goberno, no canto de escoitar aos agricultores e gandeiros e tomar medidas para garantir o seu futuro, o único que fixo foi mandar aos antidisturbios para que carguen contra eles”, denunciou Roberto López, que lle pide a Pedro Sánchez “que aprenda de Francia, onde, tralas protestas, Macron retirou unha reforma do sistema de pensións que prexudicaba aos gandeiros”.
Agromuralla lembra que fai uns meses en Francia e Alemania os gandeiros bloquearon París e Berlín tamén para protestar, no caso de Francia, pola reforma da xubilación, que prexudicaba aos agricultores e gandeiros, e polas novas esixencias medioambientais e os baixos prezos do leite no caso de Alemania.
A asociación de gandeiros lembra que “o dereito de manifestación é un dereito fundamental recollido na Constitución española” e non descarta “volver a saír cos nosos tractores á rúa se a situación non mellora no relativo aos prezos e os contratos do leite”.
“Dalgún xeito haberá que poñerlle freo aos continuos abusos aos agricultores e gandeiros e está claro que temos que organizarnos e defendernos nós mesmos porque a clase política de boquilla e durante a campaña electoral moito dicir que apoian o campo, moito facerse fotos e pisar granxas, pero á hora da verdade dan orde de arremeter contra os manifestantes para que non fagamos ruido”, concluíu o presidente de Agromuralla.