Agromuralla responde aos axentes que defenden o bo funcionamento do LIGAL logo de denunciar irregularidades nos resultados das análises do leite

Tras denunciar publicamente dende a Asociación Agromuralla, a detección de irregularidades nos resultados das analíticas do leite que fai o LIGAL, laboratorio oficial en Galicia para controlar a calidade do leite cru, foron moitas as voces que se alzaron escandalizadas por cuestionar a profesionalidade de dita entidade. Tachando de “bulo” o manifestado dende Agromuralla e dicindo que era un invento para danar o laboratorio.

Pois ben, a través da presente a Asociación de gandeiros quere facer unha serie de aclaracións en resposta a moitas das barbaridades que se escribiron estes días ó respecto do tema.

“Queremos aclarar, en primeiro termo, que Agromuralla é unha asociación de gandeiros, maioritariamente produtores de leite, que se financia, exclusivamente, coas cotas que aportan os asociados”, afirma José Luis Pérez, presidente de Agromuralla.

A industria compradora, cando paga o leite ó gandeiro, descóntalle unha porcentaxe de diñeiro en concepto de gastos de mantemento e funcionamento do LIGAL, o cal se traduce en que “os gandeiros sufragamos parte dos gastos de funcionamento do laboratorio, obtendo o resto de financiación por outras vías. Polo tanto, é fácil entender que os gandeiros sexamos os principais interesados en que o laboratorio funcione correctamente”, afirma José Luis.

O LIGAL (Laboratório Interprofesional Galego de Análise do Leite) é o único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite. O cal está integrado pola FENIL (Federación Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

Por outro lado, afirman que non se trata de “bulos” o que están a denunciar. “Temos mostras contrastadas nun laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, e non só dúas nin tres, se non bastantes mais. Mostras sacadas ó mesmo tempo, pola mesma persoa, do mesmo tanque de frío”, afirman.

Din non querer desvelar a identidade do laboratorio alternativo, “do mesmo xeito que non se lle esixe a un xuíz publicar, nos periódicos de tirada local, a integridade das sentencias que dicta. Esa información poñerémola enriba da mesa que proceda cando sexa o momento”.

Indican que se trata dun laboratorio Acreditado por ENAC (igual que todos os laboratorios lácteos oficiais de cada Comunidade Autónoma española). Que pasa as súas revisións coa mesma periodicidade e con solvencia, igual que o LIGAL. “Ademais temos constancia de que algún gandeiro, debido ás problemáticas que viña sufrindo cos resultados das súas analíticas, e sen encontrar unha explicación dentro da súa granxa, optou por levar mostras a analizar a distintos laboratorios, tamén oficiais noutras comunidades autónomas, tamén acreditados por ENAC, coas inspeccións en regra e pasadas con solvencia. Resultando que o problema só se deu co laboratorio galego, nos demais laboratorios que analizaron as mostras non se detectou incidencia algunha pero se se apreciou unha diferencia importante en canto ás calidades que se pagan ó gandeiro, sempre en prexuízo deste”, aseveran.

Por dito motivo, “afirmamos que dende Agromuralla non estamos “inventando bulos”, senon que estamos facendo públicos os resultados discrepantes das analíticas feitas en distintos laboratorios oficiais. Casualmente, esas discrepancias afectan negativamente no prezo que cobramos os gandeiros polo leite producido”.

“Somos coñecedores de que existen múltiples factores que inflúen nos resultados das analíticas (calibrado dos equipos, o proceso interno de cada laboratorio, os reactivos usados, etc.), por eso existe un marxe de error tolerable, pero o que salta á vista é que, por exemplo, unha mostra analizada no LIGAL arroxe un punto crioscópico de -518 e outra mostra sacada ó mesmo tempo que a primeira, pola mesma persoa e no mesmo tanque de frío, noutro laboratorio oficial arroxe un punto crioscópico de -526. Esa diferencia, claramente, excede o “marxe de error tolerable”.”

Por outra banda, dende a Asociación de gandeiros e gandeiras, tamén afirman ser coñecedores de que a época estival inflúe no punto crioscópico, o mesmo que a alimentación dos animais ou o sistema de muxido de cada granxa, “pero neste caso trátase de mostras sacadas ó mesmo tempo, do mesmo tanque de frío e pola mesma persoa, e o resultado das analíticas é moi dispar dun laboratorio a outro” afirman.

“Efectivamente, sabemos que, en caso de alteracións nos resultados das análises, podemos chamar ó Servizo de inspección do LIGAL para que os técnicos do propio laboratorio veñan á granxa sacar as mostras e sometelas a un novo estudo. Quen fai esa nova analítica? Efectivamente, o mesmo laboratorio. En Galicia non dispoñemos dun laboratorio acreditado alternativo para facer analíticas de contraste. Isto ocasiónanos indefensión por non contar con medios para poder desvirtuar unha proba dun laboratorio oficial.” critican dende Agromuralla, por iso lle piden á Consellería do Medio Rural que tome cartas no asunto, posto que, “por mais que se diga, os gandeiros sempre somos os eslabón mais feble da cadea. A modificación de normativas ou o cambio de protocolos, é cuestión de vontades.”

Á vista das declaración formuladas por varios axentes do LIGAL, indicando que o laboratorio segue correctamente todo o proceso, e que son diversos os axentes que inflúen no resultado das analíticas, “semella que se as discrepancias son notables se culpabiliza ó responsable de sacar a mostra, que é o recolledor do leite na granxa, tratando de “tirar balóns fora””, afirma o presidente de Agromuralla.

Dende a Asociación de gandeiros afirman que tamén lles causa indefensión o feito de que non sexa obrigatorio, de acordo coa normativa vixente, sacar dobre mostra. “É certo que o gandeiro pode pedir que se lle saque dobre mostra, pero a data de hoxe non existen, en Galicia, as mostras lacradas, que serían as que garantan que as mostras non se manipulan ata chegar ó laboratorio. E, como xa dixemos antes, tampouco contamos cun laboratorio oficial onde poder analizar as mostras de contraste. Polo tanto, os gandeiros sempre “levamos as de perder””, reiteran.

En Galicia, tal como aseveraron algunhas voces nestes días, contamos cun leite de excelente calidade. Cun contido en graxa, de media, moi superior ó doutras comunidades Autonónomas, “sen embargo, analizando o leite noutro laboratorio oficial fora de Galicia, arroxa un contido en graxa superior ó que se certifica no laboratorio galego. Cousa que se traduce, como xa se indicou, nunha diferencia no prezo do leite que se paga ós gandeiros” aseveran.

“Reiteramos ó LIGAL, a necesidade de manter unha reunión para abordar, con urxencia, a problemática que denunciamos, tal como xa solicitamos fai días e aínda non recibimos resposta.” Insiste o presidente.

En resposta tamén, a distintas voces que afirmaron que Agromuralla forma parte das mesas de negociación do prezo do leite, dende a Asociación manifestan que “esa é a maior mentira difundida estes días para desacreditar ós gandeiros. Facer esa afirmación é mostra do descoñecemento que existe sobre a normativa reguladora, pois unha asociación como é Agromuralla, de acordo coa normativa vixente, non pode formar parte desas negociacións”.

Por último, e non por iso menos importante, dende a Asociación de Gandeiros envian unha mensaxe de TRANQUILIDADE PARA OS CONSUMIDORES, “o que vimos de denunciar NON AFECTA EN MODO ALGÚN À CALIDADE DOS PRODUCTOS LÁCTEOS QUE ESTÁN NO MERCADO, afecta ós prezos que as industrias nos pagan ós gandeiros por litro de leite que nos mercan. Por poñer un exemplo: se nos vendemos leite con un 3,80% ou un 2,80% de graxa, ó consumidor resúltalle indiferente porque o leite enteiro que se vende no supermercado vai ter un 3,50% de materia graxa, poren para o gandeiro vai supoñer unha diferencia de 1 ou 2 céntimos, arriba ou abaixo, por litro de leite, o que se traduce en 600 ou 1.200 €/mes para unha granxa que vende 2000 litros/día” conclúen.

Asociación Agromuralla.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com