Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

Semella que se aveciña unha primavera axitada e non estamos a falar do tempo, se non do sector lácteo, xa que a dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galiza, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla ben de emitir un comunicado onde di que o prezo do leite para todo o ano 2023 “non pode baixar de 60 céntimos”.

A asociación recomenda aos seus socios que non asinen contratos por baixo desa cifra e pídelles “que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha coxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite”.

Por iso, dende Agromuralla pídese aos produtores “que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo”.

Incremento desmesurado dos custos

Agromuralla afirma que “os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais” para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite, xustifica o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro.

Segundo os datos facilitados pola asociación de gandeiros, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano produtos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe.

O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo período de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81%), ou o recibo de autónomos, que se incrementou ata nun 60%, os pensos (un 31,5%), os plásticos dos silos (un 31%), ou a electricidade (un 27%).

“Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica”, aseguran dende Agromuralla,

Críticas ás administracións

Agromuralla critica ás administracións tanto á autonómica como ao Goberno central por “abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación dos contratos” e lembran que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta cun mínimo de dous meses de antelación, un prazo que as industrias non están a cumprir, polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este “incumprimento da lei”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com