A Asociación de Internautas (AI), a Asociación Prol Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) crearán unha plataforma interasociativa de carácter aberto, para abordar a privacidade na contorna dixital e do ‘big data’ que caracteriza esta era.
A análise masiva de datos (Big Data) ofrece información sobre localización e mobilidade, define patróns de consumo, de competencia, de usos turísticos, do vehículo privado, do transporte público, etc. Unha información coa que a seguridade pública ou privada, as estratexias comerciais e de xestión cobran un novo significado.
A partir do comportamento dos cidadáns segundo a súa idade, renda, fidelidade, uso recorrente, é posible mellorar o aproveitamento das infraestruturas, o desenvolvemento do urbanismo, a planificación turística, a redución dos riscos financeiros …
Pero todos estes avances que chegan da man da tecnoloxía non están nin estarán exentos de tensión respecto da privacidade, as liberdades e a seguridade da contorna dixital.
De aí, que sendo importante o desenvolvemento destas novas ferramentas, tamén o sexa que se desenvolvan de forma respectuosa cun réxime de garantías públicas e coñecidas, pois é a única forma que ten o cidadán para esixir o cumprimento da lei e o respecto dos seus dereitos. Entre estas garantías cabe falar do principio de legalidade, o do fin lexítimo, idoneidade, etc.
AI, ADECES e UCGAL viñeron colaborando de forma frecuente nos últimos meses en materia de telecomunicacións e desenvolvemento de e-administración.
Entre os últimos traballos atópanse as denuncias por caídas da rede dalgún operador móbil, as denuncias sobre o cobro de xestións do servizo de atención ao cliente ou a actualización de prezos dun operador aos dous meses de lanzar un produto.
En relación coa e-administración as tres asociacións presentaron o pasado mes de decembro o II Estudo sobre e-administración local, baixo o título “Os concellos miran aos mozos: apps para o móbil e RR.SS cobran protagonismo”, cuxa primeira conclusión establecía que para incrementar a confianza dos usuarios e, xa que logo, o uso dos servizos telemáticos, é imprescindible reforzar o compromiso da e-administración local coa seguridade, e garantir a protección de datos. Materias nas que é preciso que todas as institucións se comprometan.