O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, visitou hoxe a Feira Expomar de Burela, evento que chega á súa décimo sexta edición, para respaldar ao alcalde popular da localidade, José Mª González Barcia.
O rexedor declarou que “estamos agradecidos e contentos de que o presidente da Xunta viñera hoxe aquí, a Burela, porque significa a manifestación explícita do apoio da Xunta de Galicia a este evento comercial. Para nós Expomar representa non soamente unha promoción importante do que é a nosa vila, representa non soamente unha dinamización importante nestes días do tecido socioeconómico senón que representa básica e fundamentalmente a posibilidade de mostrar o potencial pesqueiro que ten Burela e a posibilidade de xeración de negocio que ten o sector náutico pesqueiro neste concello”.
Para González Barcia “hai que ter en conta que o sector pesqueiro en Burela non queda reducido á parte extractiva senón que abarca tamén á parte de transformación, á parte de comercialización e o aspecto de industrias vinculadas co mundo do mar. Por todo iso temos que agradecerlle ao presidente da Xunta a súa visita aquí, a Burela, hoxe e tamén a colaboración que a Xunta presta este ano á Fundación Expomar para a realización deste evento, a través das consellerías do Medio Rural e do Mar e de Economía”.
“Tamén deixamos patente diante do presidente da Xunta que Burela é un pulmón importante para a economía desta comarca e polo tanto tamén para a economía galega, básica e fundamentalmente no que se refire precisamente ao aspecto pesqueiro, xa que o porto de Burela é o máis importante que ten a Xunta de Galicia en canto a venda directa de peixe”.
O alcalde confía en que “o apoio da Xunta continúe en próximas edicións e tamén agradecemos de forma especial o pronunciamento que o presidente, Alberto Núñez Feijoo, fixo en canto ao futuro do sector pesqueiro”.