Ducias de Alcaldes e máis de 50 traballadores sociais dos concellos da provincia apoiaron este mércores a ordenanza de teleasistencia elaborada polo Goberno da Deputación. Fixérono na xuntanza de traballo que convocou o Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, tras acordar este encontro coa Deputada Provincial do PP, Mari Teijeiro, co obxectivo de “acadar o maior apoio á ordenanza por parte dos profesionais deste sector, pois son os que mellor coñecen a situación e as necesidades dos demandantes desta prestación social”, subliñou Santos Ramos.
A proposta de ordenanza presentada polo Goberno da Deputación (a mesma que levou ao pleno de maio e deixou en riba da mesa por petición do PP), foi amplamente respaldada polos rexedores e traballadores sociais, que se congratularon de que o Executivo decidise incrementar en 500 o número de prazas, acadando as 1.555 nos Concellos da provincia.
Entre as achegas tamén está a de converter aos propios profesionais do sector nos máximos responsables na concesión das mesmas; e introducir, por vez primeira, criterios psicosociais e psicosanitarios, así como novas medidas de colaboración e control.