Alcaldes populares piden a dimisión de José Tomé como delegado de Vías e Obras

Os alcaldes populares da provincia, acompañados, entre outros, pola presidenta do PP de Lugo, a deputada Elena Candia, así como por deputados e senadores participaron esta mañá nunha rolda de prensa diante da Deputación, para poñer de manifesto o sectarismo co que opera o goberno provincial á hora de reparar as estradas provinciais e de ceder maquinaria aos concellos lucenses. Neste acto, os populares reclamaron unha vez máis un plan de estradas, similar ao pactado no seu día entre Elena Candia e o socialista Darío Campos para o período 2017-2019, e pediron a dimisión ou destitución de José Tomé (presidente da Deputación) como delegado de Vías e Obras.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, deputada autonómica, indicou que coa súa presenza o partido mostra o respaldo aos concellos, acompañando aos alcaldes, os seus máximos representantes. É un respaldo, apuntou, fronte ao agravio ao que están sendo sometidos polo goberno provincial, que desenvolve unha estratexia de clientelismo e sectarismo político.

Pola súa parte, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, manifestou: “Como voceiro do Partido Popular teño que dicir que o obxecto desta concentración de alcaldes do PP en San Marcos é o cansazo polo proceder do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, e queremos que sirva como chamada de atención ao equipo de goberno da Deputación”.

Engadiu: “Facémolo con estes cascos coas cores da Deputación, que, por selo, son as cores de todos os concellos, aínda que por desgraza na práctica non está sendo así, porque hai discriminación”. Indicou: “Onde máis se nota é nos investimentos e nas obras; hai un sectarismo clarísimo por cores políticas, e non en función das necesidades, como debera ser”.

Castiñeira declarou: “Pedimos a dimisión ou destitución, por parte do presidente Tomé, do delegado de Vías e Obras, o señor Tomé. Pedímolo por tres razóns: a mala xestión, que é evidente; a falta de equidade, que denunciamos, porque non se rexe por criterios técnicos e de necesidade, senón polas cores políticas; e, o máis grave, a falta de respecto aos nosos alcaldes, que reclaman o mellor para os seus veciños e teñen que escoitar do delegado de Vías e Obras improperios que non son admisibles”.

Para Castiñeira, “a mala xestión é evidente; comprobármola nas múltiples visitas que fixo o grupo provincial pola rede viaria da provincia, que está chea de fochancas e de falta de seguridade, con trazados sinuosos, estreitos e perigosos”. Tamén é unha comprobación feita “polas reclamacións por danos en vehículos que están a chegar diariamente á Deputación de Lugo, e, sobre todo, polas denuncias dos alcaldes, dos seus veciños e das asociacións que demandan, ben por carta ou nas redes sociais, o arranxo das moitas estradas en mal estado”.

O portavoz popular lembrou que “no pleno pasado presentamos unha proposta para a elaboración e execución dun plan de estradas similar ao que pactaron no seu día Darío Campos e Elena Candia (2017-2019), equitativo, con criterios obxectivos; foi votado en contra polo goberno (PSOE e BNG)”. Engadiu: “Non nos valen as desculpas que dá o delegado de Vías e Obras, o señor Tomé. Dicir, como di, que temos a rede máis extensa da península non é dicir nada; iso non é un problema. Temos que ver esa circunstancia como unha oportunidade, unha solución contra o despoboamento e a maneira de aproximar aos nosos veciños a mellores prestacións, aos colexios, aos servizos sociais, ao deporte, á cultura, etcétera”.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Luis Díaz
    Abr 08, 2021 - 04:26 PM

    ¡ bo !

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com