A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, presentou esta mañá a súa renuncia á súa acta de deputada provincial e causará baixa no PSdeG nos próximos días en cumprimento do código ético do seu partido, que esixe deixar a militancia no caso de que se abra xuízo oral.
Loureiro terá que sentar o próximo luns no banco dos acusados da Audiencia Provincial acusada dun delito de prevaricación urbanística por presuntamente conceder licenzas empregando o procedemento do silenzo administrativo. A rexedora anuncia que deixará o partido pero non a alcaldía por entender que recibiu “o respaldo dos cidadáns” nas últimas eleccións municipais.
A este respecto, Loureiro dixo ademais estar “con moita tranquilidade”, por entender que non cometeu ningunha irregularidade e sinalou que se sinte “arroupada” polos seus compañeiros de partido.