A Alcaldesa e o Conselleiro de Educación asinan os convenios para o novo CEIP do Sagrado Corazón

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá os convenios de colaboración entre Concello e Xunta para construír o novo Centro de Educación Infantil e Primaria do barrio do Sagrado Corazón e para a xestión dos comedores escolares en nove centros educativos do municipio.

Tras a firma de ambos acordos, a rexedora lembrou que hai uns meses se reunía co titular da Consellería de Educación “para seguir avanzando” na redacción do convenio do Sagrado Corazón “para que puidese ser realidade no día de hoxe, o que demostra como deben traballar dúas administracións, ao servizo dos cidadáns, sentándose a falar e dialogar para chegar a acordos que redunden beneficiosamente na cidadanía. Ese é o gran obxectivo de todas as administracións, a maneira de entendelas, de resolver os problemas e de ser útiles aos veciños e veciñas”.

Lara Méndez, que estivo acompañada polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, resaltou que hoxe é “un día importante para o barrio do Sagrado Corazón, para o Concello e polo tanto para a Alcaldesa, o equipo de goberno e a Corporación, porque se materializa un convenio que significa un novo centro educativo, demandado e necesario para seguir dotando de servizos a esta zona importante da cidade”.

A través do convenio asinado hoxe, o Sagrado Corazón contará cun novo colexio. Para elo, o Concello puxo a disposición da Xunta 10.046 metros cadrados de terreo para levantar o Centro de Educación Infantil e Primaria, unhas parcelas cedidas a través de acordos urbanísticos (8.777 metros cadrados) e de expropiacións acordadas (1.269 metros). Neste senso, a Alcaldesa expresou un “agradecemento público” a aquelas persoas que cederon os terreos “por pensar no ben común, como facemos as administracións”.

A Xunta construirá o colexio en dúas fases: a primeira de construcción do edificio principal do colexio, e a segunda, para equipamento deportivo -pista e polideportivo, así como patio e espazos libres-, tras conceder a entidade local as pertinentes licenzas. Posteriormente, o mantemento e a conservación do centro corresponderalle ao Concello.

Esta mesma visita do Conselleiro foi aproveitada polo Concello para asinar o convenio de colaboración para a xestión dos comedores de 9 centros escolares do municipio. Neste convenio se asina que o ente municipal se fará cargo do financiamento e prestación do servizo e a Xunta achegará unha cuantía de 89.000 euros para este fin.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com