A Alcaldesa ingresa na comisión executiva do Eixo Atlántico

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entrará a formar parte da comisión executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, tal e como decidiu a asemblea xeral do organismo interrexional celebrada este venres na localidade portuguesa de Maia. Deste xeito, a rexedora ingresa no órgano de dirección e toma de decisións do Eixo, tamén integrado por Alfredo García, Alcalde do Barco de Valdeorras e presidente do Eixo; Abel Caballero, Alcalde de Vigo; Miguel Anxo Fernandez Lores, de Pontevedra; Xulio Ferreiro, da Coruña; e Jesús Vázquez, de Ourense.

A asemblea celebrada hoxe, á que asistiu por parte do Concello lucense o voceiro municipal, Miguel Fernández, aprobou un segundo paquete de infraestruturas ferroviarias para negociar cos gobernos que complemente a liña do Miño xa en obras ou en proceso de contratación con prazo de finalización a finais de 2019 e as conexións pendentes na parte galega. Este segundo paquete inclúe a conexión Ferrol A Coruña, a máis atrasada e con peores perspectivas de todo o eixo atlántico ferroviario e as conexións ferroviarias dos portos, como eixes principais en Galicia que complementen a saída sur de Vigo e a “T deitada”, Ourense-Lugo, Monforte-Palencia, sobre os cales xa vén traballando con ambos os ministerios desde fai máis dun ano.

No caso concreto do tramo Ourense-Lugo e unha vez que xa están en curso os procedementos para a súa electrificación e supresión de pasos a niveis, así como que en breve se abrirá ao servizo a variante da Pobra de San Xiao, exporase ao Goberno as variantes de Monforte, Rubián e Os Peares, sen as cales non haberá mellora dos tempos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com