A Alcaldesa invita aos emprendedores do Inicia Coworking a optar aos locais da Tinería

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, abriu hoxe a programación da terceira fase do plan de apoio gratuíto ao emprendemento Inicia Coworking que impulsa o Concello en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) anunciando unha visita dos 22 participantes nesta nova remesa de emprendedores aos nove locais comerciais da Tinería nos que a entidade local poñerá en marcha un viveiro de empresas a pé de rúa con fin de dinamizar social e economicamente o barrio. A rexedora pretende que coñezan as instalacións para ver se lles interesan de cara a optar a elas cando o Concello as saque a concorrencia. Neste senso, Méndez avanzou que as bases estanse ultimando.

A Alcaldesa deu a benvida aos participantes na terceira edición do Coworking nun acto celebrado no CEI Nodus, no que subliñou o éxito desta iniciativa para o impulso do tecido empresarial lucense e a creación de emprego, en tanto que máis do 60% dos 44 emprendedores que tomaron parte nas dúas primeiras fases están a día de hoxe en marcha e facturando. Puxo en valor así mesmo a innovación e especialización dos proxectos empresariais, pois, por exemplo, nesta terceira fase atópanse ideas como a creación dun buscador on line de animais para cruces entre razas seleccionadas, domótica, eficiencia enerxética, turismo sostible e accesible, adestramento canino, interiorismo, teatro ou organización de eventos.

Tras o encontro da Alcaldesa cos novos emprendedores, procedeuse a plantar un carballo no exterior do CEI Nodus, que simboliza o desexo de que xerminen as iniciativas empresariais participantes. Na segunda edición plantouse un castiñeiro
tamén no exterior do Centro de Empresas e Innovación. O Concello e a Escola de Organización Industrial cofinancian o Inicia Coworking, un plan que ofrece de xeito gratuíto un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito un negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

Deste programa queda unha fase, a cuarta, que se desenvolverá no segundo semestre deste ano e que dará a oportunidade a polo menos outros 20 emprendedores de lanzar o seu propio negocio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com