A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esixiu este xoves ao Presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que “abra os ollos, pois a Xunta é a máxima responsable da situación á que chegou a planta de Leite Río” no Ceao sobre a que pesa unha orde de demolición que vén de ser ratificada polo Tribunal Supremo. “Foi a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), un organismo que depende da Administración autonómica, a que abriu o expediente e a que ditou a orde de demolición, pois, segundo a LOUGA e a nova Lei do Solo, é da súa competencia en tanto que os terreos nos que se ubica a nave teñen cualificación de solo rústico”. A rexedora responde deste xeito ás desleais declaracións de Núñez Feijóo nas que insta ao Concello a resolver a situación da planta de Leite Río.
“O Concello sabe ben a onde ten que mirar. É o señor Feijóo o que debe abrir os ollos e asumir que ten a máxima responsabilidade neste litixio”, subliñou a rexedora, quen asegurou que a actitude e declaracións do titular da Xunta “non se entenden, senón como un novo castigo e ataque a Lugo e aos lucenses. Basta xa”, incidiu a Alcaldesa, para quen “a falta de lealdade institucional á que nos ten acostumados fai que ás veces non pareza o Presidentes dos lucenses, porque non trata igual a todos os galegos“.
En vez de tratar de buscar solucións conxuntamente, Feijóo agóchase de novo ante os problemas, cargando sempre a responsabilidade sobre outros, como os problemas no sector lácteo, os da pesca, sanidade, ante os problemas na educación e o declive no uso do galego, a culpa sempre e dos demais.
Lara Méndez amosou así mesmo o seu desconcerto porque o Presidente da Xunta, “sen coñecer nin estudar o procedemento, a situación, nin a sentenza do Supremo diga alegremente que a situación se pode resolver cambiando o PXOM. Unha imprudencia imperdoable no máximo responsable dun Goberno”.
Se Feijóo ten unha solución e a capacidade para cambiar as decisión do Supremo, benvido, estamos desexando escoitalo