Alfonso de Guitiriz

No mundo da Cultura de Galicia, cando se menciona a “Alfonso de Guitiriz”, fálase de Alfonso Blanco Torrado, que naceu en Montevideo en 1950, ten as súas raíces familiares no Ponteceso de Pondal, pero é chairego por vocación e dedicación, desde o momento en que pisou terras de Guitiriz, e fixo deste concello un especial punto de referencia para entender a Terra Chá, espallando cultura desde Guitiriz para todo o mundo chairego.

Estudou en Compostela e na Pontificia de Salamanca, tendo xa un importante papel no movemento estudantil. Xa crego, hai máis de corenta anos que chegou a Guitiriz, servindo varias parroquias, e exercendo un maxisterio relixioso, cultural e social que se verque especialmente a través das canles constituídas pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel Maria da Terra Chá.

Profesor xubilado do Ies de Guitiriz, a xente moza foi sempre a súa especial preocupación, distinguíndose no apoio e recuperación de rapaces con problemas, colaborando decididamente con institucións galegas de atención a mozos con adiccións.

A través de Xermolos e Irmandade Manuel María, ten  organizado centos de actos culturais en Guitiriz e en toda a Terra Chá, destacando os “Encontros da Terra Chá” arredor de persoeiros da cultura e da sociedade (Manuel María, Trapero Pardo, Díaz Castro, Chao Rego…); os Congresos da Terra Chá; e a creación do Paseo dos Soños, á beira do río, en Vilalba, onde cada ano se ergue un monolito na memoria dun creador chairego, sendo honrados, ata agora, entre outros, Manuel María, Paco Martín, Xosé Manuel Carballo, Agustin Fernández Paz, Xabier Puente Docampo, Chao Rego, Darío Xohán Cabana ou Mini e Mero. En Xermolos creou e sostuvo a Escola de Música Tradicional, Escola de Canteiros, Coral polifónica, grupos de música, Cadernos de temas etnográficos, “Guieiros”, e a “Revista Xermolos”, para espallar cultura e divulgar as moi diversas actividades culturais organizadas. Ten editado ducias de publicacións en prosa e poesía, dando a coñecer a obra de autores novos de Guitiriz e da Terra Chá, e honrando aos consagrados con atención especial a Manuel María e Xosé María Díaz Castro.

No 1980, creou a “Feira e festa da música e da arte”, que tiña por marco o Campo da Feira de Guitiriz, que moi axiña  evolucionou cara ao Festival de Pardiñas, na primeira semana de agosto, que na actualidade é un dos máis importantes festivais que se celebran neste país.

A través de Xermolos sostivo a Biblioteca Pública de Guitiriz, á que logo engadiu a Casa das Palabras, na que  se rende honra permanente aos creadores literarios guitiricenses e chairegos, que nela son acollidos e homenaxeados.

Creou os premios de Guitiriz de Pintura, Escultura, Fotografía… e de narración e poesía infantil, con participación anualmente de centos de rapazas e rapaces dos centros educativos da Terra Chá.

Colabora  en moi diversos medios de comunicación, destacando os seus traballos en “Irimia”, “Encrucillada”, “El Progreso” ou Galicia Digital.

Grazas a Alfonso Blanco e Xermolos, o noso gran poeta Xosé María Díaz Castro puido cumprir o gran desexo de volver á Terra, atopando en Xermolos a súa casa literaria e de amizade, e en Alfonso o gran valedor, primeiro, para dar a coñecer a súa persoa e a súa obra, e culminando coa consecución de que se dedicara o Día das Letras Galegas do ano 2014 á figura de Xosé María Díaz Castro. Froito da súa relación con Díaz Castro, da súa amizade e fondo coñecemento da súa obra, escribiu “A ascensión dun poeta”, que lle deparou o Premio Anxel Fole de Ensaio. Ademais deste galardón, conseguiu o “Premio IAR de folclore”, o “Moncho Valcárce, pola Promoción da Terra”, e o “Premio Solidariedade 2002”.

Aqueixado ultimamente de problemas de saúde que o teñen parcialmente arredado do seu incesante labor cultural, un grupo de amigos e Xermolos rendémoslle homenaxe o pasado 8 de xullo en Santa Mariña de Guitiriz, erguendo na súa honra un monolito de seis metros de alto, obra do escultor Valdi (Xosé Val Díaz), que se en principio el ía erguer na memoria histórica de “Os da Lexía”, mozos coruñeses masacrados en 1936, por desexo dos amigos máis directos foi dedicado a estes mártires da liberdade e a Alfonso, como infatigable loitador pola liberdade, pola memoria, pola sociedade e pola cultura.

Este domingo vaise render homenaxe en Guitiriz aos “Irmáns da Lexía”. Polo medio, coma sempre, está Alfonso movendo todo. Sen embargo non poderá evitar que a homenaxe se converta nun plebiscito na súa honra, (Como Deus manda).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com