Alfredo Llano foi reelixido alcalde de Burela no pleno celebrado o pasado sábado. Foi o último rexedor galego en tomar posesión do seu cargo, logo de que a Xunta Electoral obrigara ao Concello a repetira as eleccións municipais nunha das mesas da localidade o pasado 17 de novembro. Llano contou co apoio da súa formación, o PSOE e coa abstención das dúas agrupacións da oposición, PP e BNG. No discurso de investidura dixo que afronta con ilusión o que será o seu terceiro mandato e subliñou que o Concello de Burela conta cun remanente de tres millóns de euros.
Alfredo Llano subliñou a importancia do pleno de investidura celebrado o sábado pois “hai que darse de conta que esta sesión tiña que terse celebrado o pasado mes de xuño”. O rexedor aseugrou que o Concello non puido funcionar a pleno rendemento dende abril “senón que fixemos só o que se podía” deixando de tomar decisións en asuntos importantes. O que si deixou claro é que “corre presa normalizar a situación” e salientou a necesidade de preparar orzamentos, polo que “canto antes se faga o pleno de organización, mellor”.
No tocante ás eleccións o alcalde lembrou que o PSOE “foi a forza máis votada nas pasadas eleccións da sete que se presentaron. E non houbo candidatos nin por parte do PP nin do BNG, por tanto fun reelicido alcalde cos votos a favor do PSOE”.
Llano, que estivera en conversas co BNG para que este entrara no goberno, asegurou que aínda quedan “uns flocos pendentes” e que seguirán a negociar “para versi compartimos goberno ou si chegamos a acordos puntuais” ata a chegada do pleno de organización. “O que si faremos entre todos, supoño eu, será traballar por Burela, polos veciños, para que se sintan ben representados, para que se vexa que Burela avanza e que exista progreso durante o tempo que queda de lexislatura. Tentaremos facelo do mellor xeito posible, sempre pensando nos obxectivos comúns que son beneficiar no seu conxunto aos nosos veciños e veciñas de Burela”, resaltou Llano.
O alcalde de Burela referiuse tamén á data para o pleno de organización: “hai 30 días hábiles para realizalo, polo que poderíamos irnos ata o 7 ou 10 de xaneiro, pero hai que procurar facelo antes para poñerse a traballar. Si pode ser antes do Nadal mellor sería, pero senón fose así tería que realizarse inmediatamente despois destas festas. Imos procurar apurar, si”. Burela cumprirá no 2020 os 25 anos da súa constitución como Concello despois de segregarse de Cervo.