Ven de deixarnos Alicia Tella, para todos Alicia de Mondoñedo; Alicita para os mindonienses. Soubemos hai meses da súa enfermidade, contra a que toda a familia loitou con decisión, pero ao final non puido ser e en setembro finou no seu Mondoñedo esta chairega de Pol que, polo seu carácter, traballo e vida, se tiña convertido nunha das primeiras mindonienses dos últimos tempos.
Alicia era -desde sempre- a bibliotecaria de Mondoñedo, aínda despois da xubilación. A biblioteca era unha das súas razóns de vivir –a familia (Juan Puchades, María Jesús e Alicia) era punto e á parte- e sempre tiña algunha novidade, algunha curiosidade, algunha victoria que celebrar. Especialmente alegre aparecia cando traía un novo exemplar da revista Monfadal (da que era alma mater) baixo o brazo.
Alicia era ledicia, vida, empuxe, entusiasmo; ollos luminosos e mans expresivas para apoiar as palabras. Era todo disposición, entusiasmo, agarimo. No seu enterro en Mondoñedo, en comitiva polas rúas do centro da histórica cidade, era impresionante o silencio, a moitedume, o percorrer da comitiva por entre os pazos urbáns da sé bispal.
Na igrexa, en homilía improvisada, o crego Antonio Rúa, dixo de Alicia o que todos quixeramos dicir, o que todos sentíamos, incrementado polo coñecemento da familia desde neno, cando veu estudar a Mondoñedo, e pola relación de moitos anos con esta xente entrañable, que se fai querer, que en Mondoñedo é unha institución.
Que a terra lle sexa leve á amiga que se foi, e que a familia logre, coas innumerables mostras de agarimo, paliar a natural dor pola perda irreparable.