Almuíña anuncia a ampliación do horario de Hemodinámica no Hula

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ampliará o horario das salas de hemodinámica de Lugo e de Ourense para diminuír os tempos de atención no infarto agudo de miorcardio entre o diagnóstico e a apertura da arteria responsable do infarto. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento. Neste senso, o titular de Sanidade subliñou que se aumentarán os horarios das salas de hemodinámica do HULA e do Chuou, e que nos vindeiros días as Xerencias de ambas localidades comunicarán o novo sistema de funcionamento que ampliará a asistencia ata as 22 horas.

Esta medida forma parte dun paquete de propostas nas que o Sergas está a traballar e  que se porán en marcha neste primeiro semestre do ano para co obxectivo de mellorar os tempos de atención no infarto agudo de miocardio en Galicia, en base ás recomendacións propostas pola Comisión de seguimento do Rexistro galego de infarto agudo de miocardio.

Durante a súa intervención, Almuiña subliñou que en base aos datos da Comisión de control e seguimento do Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio, os resultados “son moi positivos”, en canto á baixa mortalidade, que é o principal indicador, e “mellorables en canto aos tempos de reperfusión (e dicir, dende o primeiro contacto médico ata a apertura da arteria responsable do infarto), especialmente en Lugo e Ourense”, destacou.

Neste senso, a análise dos datos recollidos no informe da comisión de expertos na que se estudaron as cifras dos 25 meses de funcionamento do Rexistro galego de infarto de Miocardio (Regaliam) reflexa que se atenderon un total de 2.352 pacientes con infarto agudo de miocardio. A incidencia do número de casos por 100.000 habitantes e ano foi de 42,2; o número de pacientes reperfundidos alcanzou a cifra total de 2.227, e o número de anxioplastias primarias realizadas foi de 2.131.

Os datos tamén revelan que os indicadores de mortalidade por anxioplastia a 30 días, unha vez excluídos os pacientes con parada cardiorespiratoria ou shock en Galicia foron do 2,4%, un valor moi inferior ao estándar de mortalidade do 5% establecido pola Sociedade Española de Cardioloxía como un estándar de calidade da atención. En canto ao tempo de reperfusión, as Guías de práctica clínica recomendan que sexa inferior a 120 minutos.

Segundo subliñou o conselleiro de Sanidade, a Comisión de seguimento e control do Regaliam estima que, “tendo uns excelentes resultados, hai unha marxe de mellora no relativo aos tempos de atención”, dixo. Nesta liña, e en base ás recomendacións da comisión de expertos, o Sergas está a traballar nunha serie de medidas necesarias para diminuír os tempos transcorridos entre o infarto agudo de miocardio e a súa atención no lugar máis adecuado.

Ademais de ampliar o horario das salas de hemodinámica de Lugo, realizarase unha campaña informativa para a poboación, para aumentar o coñecemento e identificación dos síntomas de infarto agudo de miocardio, “explicando tamén que a vía de acceso prioritaria en caso dunha sospeita é chamar ao 061”, indicou Almuiña.

Outra das medidas é revisar as isocronas do 061 para o traslado dos pacientes aos centros máis próximos con capacidade para realizar unha anxioplastia primaria; estudar a necesidade de incremento dos recursos de soporte vital avanzado (USVA) ao obxecto de reducir os tempos de isquemia cos medios necesarios para asumir a atención extrahospitalaria e o transporte interhospitalario e analizar os tempos e as medidas para mellorar o tempo entre a entrada no hospital e a apertura da arteria. Tamén se manterán reunións periódicas coa comisión técnica para avaliar e actualizar o Progaliam.

24h de Hemodinámica

A deputada de En Marea, Eva Solla, sinalou que para esta formación é fundamental que se cumpra a petición da veciñanza “e que esta unidade traballe, tal como estaba pedido, as 24 horas do día porque as veciñas de Lugo non teñen por que ter menos dereitos que o resto da cidadanía de Galicia”. Ademais, Eva Solla sinalou a necesidade de que a Consellería de Sanidade publique os datos de necesidade desta unidade en Lugo como para que “Sanidade aceptase varios anos despois dar marcha atrás e poñer en marcha a quenda de tarde”.

“Os socialistas non cesaremos”

Pola súa parte, o PSOE provincial, encabezado por Santos Ramos medio congratulouse de que o “ultimátum” dado pola agrupación onte “xurdira efecto horas máis tarde”. Aínda con esas, o secretario provincial asegurou que “os socialistas non cesaremos o noso traballo para que os lucenses conten co servizo de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días do ano que sempre defendemos e defenderemos para a nosa provincia”.  O PSOE mantén a petición de coñecer todos os datos do Rexistro Galego de Infarto no prazo dun mes. En caso contrario, acudirá aos tribunais, pois “os lucenses temos dereito a coñecer esta información, que nunca se fixo pública, cando é o paraugas do PP para non implantar Hemodinámica 24 horas no HULA”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com