Altri

Nos tempos do espertar económico, calquera rexedor municipal se coroaba como taumaturgo se conseguía para o seu concello unha gran empresa que solucionase, aínda que fose temporalmente, o presente e o futuro da súa xente.

Xa fose o complexo de As Pontes ou Alúmina, nos casos máis rechamantes; a factoría de Oural ou a mina de Pedrafita máis modestas…, grandes, pequenas ou medianas empresas dedicadas á carne ou o leite, á extracción ou á transformación, tiñan as portas abertas polo que significaban e significan os postos directos e indirectos, e para transportistas, abastecedores, hostalería ou servizos… todo se mobilizaba co nacemento dunha empresa. Logo, démonos conta que os beneficios tiñan contrapartidas, por veces onerosas, e agora calquera iniciativa acciona as alarmas e as campás tocan a rebato.

O Concello de Lugo xa dixo, por unanimidade, o que pensa da planta de Coeses, e cando hai unanimidade, nada hai que engadir. Con Altri, non pasa o mesmo, e hai división de opinións, agardando que as institucións decidan despois de que as voces autorizadas se pronuncien.

Non me atrevo a opinar sobre Altri, sobre a que moitos teñen formada opinión previa. Un deles, Luis Zahera, grande do cine que me provoca grande simpatía, que se manifesta abertamente en contra, sendo respectable a súa opinión, pero non debe contar á hora de decidir.

Quen deben falar son os afectados a través das institucións que os representan e estas, en base a informes dos técnicos, sopesando todos os elementos que inciden na creación dunha gran empresa no rural, decidir de xeito unánime o que convén para a zona e para os intereses xerais do país.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com