O Salón Teatro de Santiago de Compostela celebrou hoxe a entrega dos premios do Certame Cooperativismo no Ensino 2021, concedidos pola Consellería de Emprego e Igualdade, representada no acto pola directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca. A entrega realizouse vía streaming, coa presenza do alumnado vía telemática.
Na modalidade de actividades artísticas, na categoría de 2º ciclo de educación infantil, recoñeceuse como mellor traballo o realizado polo CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo) co título A que sabe o cooperativismo?.
Asemade, No caso do alumnado de 1º e 2º de educación primaria, o galardón foi para o CEIP de Laredo en Redondela; o de 3º e 4º cursos de primaria foille concedido ao CEIP Plurilingüe de Domaio de Moaña e no estudantado de 5º e 6º do mesmo nivel educativo foilles entregado outro galardón aos alumnos do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal de Oleiros.
Durante a cerimonia, os asistentes puideron desfrutar do espectáculo teatral Aibō, interpretado polas actrices Iria Pinheira e Areta Bolado, da Compañía Eléctrica. O certame ten por finalidade difundir e promover o cooperativismo e os seus valores, como son a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Un total de 59 centros participaron nesta convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria), actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial) e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial).