O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, entregou esta mañá, no Salón de Actos do IES Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro Riberas de Lea, os diplomas do IV Campus de Emprendemento Sostible. Fíxoo acompañado do Xefe do Departamento de Agraria do instituto de educación secundaria, Nilo Avelino Carballa, e da profesora que impartiu os cursos, Fátima Rodríguez.
Fernández Queipo subliñou que “a través deste plan, dende o Goberno da Deputación, impulsamos o emprego ofrecendo gratuitamente a todos os lucenses formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas empresariais exitosas e consolidadas, con visitas ás mesmas, co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes en algún dos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses”.
Por primeira vez, esta programación impartiuse nos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Trátase do IES A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei; así como o IES San Rosendo, en Mondoñedo, e o Centro Alta Montaña, en Becerreá.
Foron 25 alumnos de secundaria do IES A Terra Chá José Trapero Pardo os que participaron na IV edición do Campus de Emprendemento Sostible que ofrece o Executivo Provincial. Os mozos realizaron os cursos de motivación e xeración de ideas e o de maduración de ideas empresariais. Nestas dúas activades formativas os estudantes coñeceron novas tipoloxías de empresas con valores sociais e medioambientais, que se presentan nos Campus coma un exemplo de boas prácticas coa contorna e coas xeracións do futuro; e afondaron sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dun negocio.
Para finalizar a formación, os rapaces visitaron ás instalacións de varias empresas lucenses, onde tiveron a ocasión de coñecer de primeira man iniciativas empresariais exitosas enmarcadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Unha vez rematado o campus ofrecéronse unha serie de titorías para prestar asesoramento persoalizado ao alumnado que desexou continuar o traballo de maduración das súas ideas iniciado durante o campus.