Os presidentes da Fundación CEL – Iniciativas por Lugo e a Deputación Provincial de Lugo, Luís García Santalla e Darío Campos Conde respectivamente, presentaron hoxe nas instalacións do viveiro de empresas lucense o “Proxecto Emprendedores”, un programa divulgativo e formativo en virtude do cal se desenvolverán diferentes accións orientadas ao fomento de vocacións emprendedoras na provincia.
Nomeadamente, en virtude o proxecto organizaranse, por unha banda, 24 xornadas presenciais de “sensibilización, motivación e difusión da cultura emprendedora”, nas que participarán un total de 1.200 alumnos dunha vintena de centros educativos (institutos e centros de formación profesional) situados nas zonas norte, centro e sur da provincia de Lugo e, por outra, accións formativas gratuítas, orientadas a todo tipo de persoas interesadas en crear unha empresa, sobre “Actitude Emprendedora e Oportunidades de Negocio” e “Xestión da Prevención de Riscos Laborais en Pequenos Negocios”. Esta segunda parte do proxecto, que se executará vía teleformación, está dotada cun total de 140 prazas.
O presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, destacou durante o acto de presentación que o “Proxecto Emprendedores” nace do convencemento da Fundación CEL de que é necesario “plantar a semente da vocación emprendedora” xa no sistema educativo, orientando desde fases temperás a “futuros empresarios, dando alas ás súas ideas e sinalándolles o camiño a seguir”. Subliñou que “o espírito emprendedor é sen ningunha dúbida un dos principais motores de innovación, competitividade e crecemento da economía dun país”, así como que a necesidade de “fomentar a cultura emprendedora” é máis que nunca imprescindible como vía de progreso económico e loita fronte á crise.
Pola súa banda, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, destacou que “é unha satisfacción continuar con esta iniciativa empezada por Gómez Besteiro, porque aposto polo autoemprego como ferramenta para acceder a un posto de traballo, promovendo a igualdade e a conciliación familiar así como combatendo a fenda salarial”.
Nesta liña, Campos Conde valorou que “debido á situación da provincia, que conta con máis de 21.000 lucenses desempregados; e a do país, na que 40 mozos galegos ao día vense na obriga de marchar pola falta de oportunidades laborais; creo que é imprescindible que todas as administracións nos impliquemos e facilitemos o autoemprego”.
As xornadas presenciais de sensibilización do Proxecto Emprendedores desenvolveranse tanto nas instalacións da Fundación CEL como nalgúns dos vinte centros educativos que se sumaron a esta iniciativa, os martes e xoves de aquí a fins do mes de novembro. Buscan achegar aos participantes ao mundo real da creación de empresas e o autoemprego, dando a coñecer, de forma interactiva e participativa, como é o proceso de posta en marcha dunha empresa.
Nesta liña, constarán de dinámicas de creatividade e análise de prensa para axudarlles na procura de ideas de negocio; análise e elaboración do lenzo CANVAS para deseño do modelo de negocio na fase de maduración da idea; información sobre entidades que poden axudar a emprender en cada fase; información sobre servizos concretos dun Centro de Iniciativas Empresariais e viveiro de empresas; encontros cos técnicos especializados en asesoramento a emprendedores da Fundación CEL e con emprendedores que hoxe están a desenvolver as súas ideas neste centro e acceso a experiencias emprendedoras reais.
Pola súa banda, a parte de formación específica do PROXECTO EMPRENDEDORES comprende un total de tres cursos vía teleformación sobre “Actitude Emprendedora e Oportunidade de Negocio” e catro de “Xestión da Prevención de Riscos Laborais”. Ofértanse un total de 140 prazas ás que poderá acceder calquera persoa interesada en crear a súa propia empresa.
Os interesados en asistir poderán inscribirse desde xa a través da Fundación CEL no número de teléfono 982 28 41 50 ou no mail formacion@fundacioncel.org. Máis información tamén en www.fundacioncel.org.