A empresa lucense Álvarez Real vén de integrarse no consello asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), o órgano interno de consulta e apoio á entidade que agrupa ás firmas con maior proxección (por tradición, volume de emprego e facturación, crecemento ou internacionalización) da provincia de Lugo.
Álvarez Real súmase así ao grupo “forte” de empresas da CEL, entre as que destacan as do sector agroalimentario (tamén polo propio peso do mesmo na provincia), como Alibós, Cafés Candeas, Granxa Campomayor, Grupo Leite Río, Armadores de Burela, Porto Celeiro, Vinigalicia ou Megaro Foods. Tamén, xa pertencentes a outros (e moi diversos) sectores, forman parte deste órgano da organización empresarial lucense Abanca, Arenal, Begasa, Caixa Rural Galega, Gadisa, O Progreso, Mercadona, Taboleiros Hispanos, Transportes Valín e Hijos, Magnesitas de Rubián, Macrocopia, Monbús, Grupo Norbel, Grupo San Froilán, Aguirre XXI, Martínez Arquitectura, Ibersys, Lugo Tradime Servizos, Audi Center Lugo, Blades Comunicación ou San Xiao Export; en total e coa incorporación de Álvarez Real, unha trintena de firmas.
Con esta integración, a CEL e o despacho lucense buscan tamén compartir sinerxias no apoio ás empresas lucenses, aproveitando a implantación de ambas as entidades na provincia de Lugo e o seu coñecemento da problemática e necesidades do tecido empresarial lucense.