Álvaro Santos é dende hoxe o novo vicepresidente da Deputación de Lugo trala remodelación de áreas anunciada esta mañá polo presidente do ente provincial, Darío Campos. Así pois, Santos gaña peso dentro do Goberno provincial xa que, ademais da vicepresidencia, seguirá sendo o voceiro dos socialistas, o encargado de Emprego e Benestar e a maiores pasará a xestionar as áreas de Igualdade e Cooperación cos concellos.
Este non é o único cambio que trae consigo a saída do BNG do Goberno da Deputación. Pablo Rivera asumirá agora a área de Deportes ademais das de Innovación, Participación cidadá e Mocidade. Ademais, Pilar García Porto pasará a xestionar o departamento de Cultura, Deseño e Artesanía. Deixa así a área de Economía que estará en mans de Mayra García.
Esta remodelación do Goberno da Deputación chega logo de que o BNG decidise esta semana saír do Goberno do ente provincial ao acadaren PP e PSOE un pacto para sacar adiante os orzamentos do 2016.