Estes días, a moitos lucenses danos por peregrinar detrás dos coros que cantan panxoliñas polas rúas lucenses nunha campaña de cantos de Nadal que promove a Deputación Provincial, en itinerario que comprende paradas na rúa da Raíña, fondo da Praza Maior e Praza do Campo, nunha especial ambientación do Nadal que entra polos sentidos da vista e do oído.
A verdade é que Lugo está vestido de Nadal, polo alumeado das rúas que este ano funcionou durante todo o mes de decembro, polas árbores tradicionais e polas modernas entre as que se leva a palma a que o Concello instalou diante da Casa Consistorial, polos beléns institucionais e comerciais, polos escaparates.
O concello promove comercio de artesanías na praza de Angel Fernández Gómez, e a Deputación outro quizais aínda máis de tempo de Nadal, con actuación do Mago Rafa, e actividades artísticas para nenos. As dúas prazas están ateigadas, e por Fdez. Gómez case é preciso pasar polo medio do mercado, co que consegue o efecto desexado de conquistar a atención do público.
Para completar o panorama, no que hai concertos e actos de todo tipo, de promoción oficial ou particular, desde o concello soan a cotío panxoliñas para que o que queira ser cego ás luces e ao movemento comercial non poida pechar os oídos ao Nadal sonoro. Outros anos había sempre quen protestaba por esa música de Nadal que seica invadía determinados espazos íntimos, ignorando se só se trataba de alguén que protestaba por protestar, ou efectivamente a música molestaba. Que xa é ben difícil.
O ambiente físico é plenamente de Nadal, que seria perfecto se fose expresión de sentimento familiar, solidario e humano, pero o sentido comercial domina calquera outro, o que non é nada malo para revitalizar a actividade económica nestes tempos tan proclives ao consumo… O do espírito de Nadal sería perfecto se houbese tamén auténtico clima de Nadal, pero tampouco podemos chamarnos a engano a estas alturas da vida e do século, sobre os motores que moven o barco no que navegamos e no que os que o gobernan seguen os rumbos que mandan as moedas, os bancos, o comercio… e o noso afán de consumir. Pois case todos contentos. Sexa cal fose o motor, Felices Festas e tranquilo Aninovo.