O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo denuncia de novo a “nefasta xestión económica” dos socialistas á fronte do goberno local ao desvelar que tiña a 30 de abril 9.003 facturas impagadas por valor de 11.512.125,12€, o que mantén a Lugo entre as cidades que peor pagan de España. Desas máis de 9.000 facturas impagadas, 5.827 incumpren o período medio de pago a provedores que marca a lei, situado nos 30 días. De feito, o PMP destas facturas pendentes está xa 168 días.
O voceiro municipal popular, Antonio Ameijide, asegurou que “é unha verdadeira magoa” que Lara Méndez e o seu equipo sigan “neste camiño” xa que “non se dan conta de que están a xogar co pan de moitas familias”. O popular recorda que Méndez segue a empeorar a situación económica do Concello xa que “é insulto á intelixencia dos lucenses” que presuman de ser bos xestores cando remataron o exercicio contable de 2017 debendo case 12 millóns de euros á 8.463 empresas e autónomos e “agora, catro meses despoies, as cifras son peores”, debendo máis de 9.000 facturas.
Antonio Ameijide reitera que “estamos ante un goberno de morosos” que coa súa xestión demostran que “non teñen interese por pagar en tempo e forma” os traballos prestados por empresas e autónomos a este Concello. Unha afirmación que se apoia no informe da tesoureira municipal no que se asegura que “desde que as facturas son aprobadas polo órgano municipal competente e se realiza a toma de razón na contabilidade municipal ata que a Tesourería realiza o seu pagamento so transcorren tres ou catro días, o que pon de manifesto que non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos”.
A tesoureira municipal engade que os incumprimentos no período medio de pago “están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender en prazo os pagamentos”.