Ameijide pide “igualdade de trato” para o arranxo de vías provinciais en concellos gobernados polo PP

Antonio Ameijide esíxelle “responsabilidade” a José Tomé e á Deputación de Lugo en materia de conservación de estradas provinciais despois de comprobar o estado do pavimento da maioría das vías da súa titularidade no municipio do Corgo.

“O Concello do Corgo renovou o 80% das estradas da súa titularidade nun único mandato. E, delas, o 30% con aglomerado”, afirmou Ameijide. Pola contra, segundo os populares as vías provinciais son obxecto habitual de queixas por parte dos veciños debido ás “importantes fochancas existentes na LU-P-1603” que comunica Gomeán con Maceda ou na LU-P-1606 entre Adai e Queizán que é preciso ampliar. Tamén chama a atención de Ameijide o “absolutamente desfeito” que está o pavimento da LU-P-1610, unha vía estreita que comunica Escoureda con Abragán, e por onde pasa a diario o transporte escolar.

Os populares reivindican tamén o ancheamento da estrada que vai dende Cabreiros a Arxemil, a LU-P-1605. Así mesmo, insisten na necesidade de mellorar o coñecido como ‘cinturón comarcal’ poñendo como exemplo “o asfalto totalmente desgastado da LU-P-1611 ao seu paso por Adai”. Sen embargo, Ameijide subliña que “o estado do pavimento cambia no límite con Castroverde”.

Esta situación repítese, segundo afirma o PP, no caso da LU-P-2904, que no termo municipal de Lugo presenta mellor estado “evidenciando o trato desigual entre concellos dependendo de quen goberne”.

É por iso polo que Ameijide denuncia “o sectarismo que rexe na Deputación, que supón o apoio aos Concellos gobernados por alcaldes do PSOE ou do BNG e discriminación para os gobernados por alcaldes do PP”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com