O popular Antonio Ameijide propuxo que a Deputación de Lugo desenvolva un plan de inspección e mantemento anual das estradas provinciais que inclúa a revisión do estado de puntos perigosos, pontes, obras de drenaxe transversal, pasos da canles fluviais ou terrapléns e desmontes.
O Deputado do PP cre que se deben tomar medidas “á vista dos incidentes que incluso provocaron o corte dalgunha vía de titularidade provincial nos últimos días”, en referencia aos cortes que se produciron na LU-P-5303 ao seu paso por Ribas de Sil e na LU-P-1611 á altura do Corgo por mor dos desperfectos debidos ás precipitacións das últimas semanas.
“A pesar de que estes incidentes se deban a causas fortuítas relacionadas coa meteoroloxía”, Ameijide incide en que “se se leva a cabo unha boa inspección acompañada polos labores de mantemento necesarios, pódense evitar algunhas destas situacións”.