Aminogal celebra en Lugo un seminario sobre prevención do abuso infantil

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González, asistiu hoxe ao Seminario sobre prevención do abuso sexual infantil coordinado por AMINOGAL na cidade de Lugo.

Durante a súa intervención, a directora subliñou a sensibilidade da Xunta de Galicia na loita  para a erradicación da violencia sexual contra os menores, da que dixo “é un fenómeno escasamente denunciado e, polo tanto, resulta vital traballar na difusión e na formación dos profesionais para que detecten de xeito áxil estas situacións, como imos realizar hoxe aquí”.

Nesta liña, González Méndez lembrou que o Galego foi o primeiro Goberno autonómico en adherirse de forma oficial á Campaña do Consello de Europa para a Prevención da violencia sexual contra nenos, nenas e adolescentes, Un de cada cinco, que suxire que un de cada cinco nenos e nenas en Europa son vítimas dalgún tipo de violencia sexual.

Unha adhesión que, tal e como apuntaba a directora xeral, continuou cun traballo intenso a través da posta en marcha de varias iniciativas: as campañas #37milsorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales se realizou a divulgación de material dixital sobre esta materia; o programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, que ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado; ou a celebración, o pasado 25 de abril, do I Foro Vacínate no que participaron máis de 200 profesionais e que serviu, segundo explicou Amparo González, “para iniciar un camiño cara a visualización da violencia sexual infantil e como punto de encontro para o intercambio de experiencias e actuacións nesta materia”.

A directora xeral tamén tivo palabras de agradecemento para as entidades organizadoras deste foro: FAPMI (Federación de Asociaciones contra o maltrato infantil), ECPAT ( End Child Prostitution ) e AMINO (Asociación en contra do maltrato e o abuso infantil) e con respecto á delegación en Galicia desta última entidade, AMINOGAL, avanzou a próxima posta en marcha dun novo programa para a difusión da campaña Un de cada cinco do Consello de Europa en centros de ensinanza de educación infantil e primaria de Galicia. “O obxectivo da campaña – apuntou – será sensibilizar ao profesorado e ás familias sobre o abuso sexual infantil na sociedade e proporcionar ferramentas ao profesorado, alumnado e ás familias”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com