Amnesia 3.0, a pioneira webserie interactiva da lucense Irene Pin que se estrea hoxe no Carballo Interplay

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolle hoxe ás 22 horas a estrea da primeira webserie intectiva en galego, de man dunha lucense. Trátase de Amnesia 3.0, proxecto gañador do Premio á produción de proxecto convocado polo propio festival o ano pasado.

A estrea será a través da rede, cun coloquio posterior coas creadoras desta “macroprodución con micropresuposto” ao máis puro estilo Black Mirror: Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca. O evento constitúe un fito dentro da ficción dixital galega, pois ofrécese a posibilidade de que o espectador se achegue á historia por un ou outro itinerario que el mesmo poderá escoller.

Unha aposta interactiva sen precedentes que nace dunha teima por atreverse a romper os límites impostos. Así mesmo, espande o panorama das webseries a un xénero pouco explorado como é o da ciencia ficción. Esta miniserie de tres capítulos conta ademais coa colaboración de caras coñecidas do audiovisual galego como Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira.

Amnesia 3.0 é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres puntos de vista diferentes, o público pode seguir a historia desde un ou outro roteiro. As túas decisións non mudan a historia, pero si como a percibes. Nos momentos en que as personaxes se cruzan, terás a oportunidade de seguir a unha ou outra. Segundo o que escollas, hai cousas que verás ou non, intencións ou accións que se cadra percibes doutro xeito. Porque como na vida, non todo está tan claro. O importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.

Unha serie escrita e dirixida pola lucense Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres. A interactividade está coordinada por Iria Iglesias, tamén autora da banda sonora orixinal. Xunto a ela, nos efectos especiais, atopamos a pegada de Rocío López, tamén a cargo da dirección de arte. A dirección de fotografía asínaa Andry Milán.

Cando o mundo esqueceu
265-C érguese cada mañá para seguir o plan de actividades que marca a súa axenda, como calquera de nós. Só que ela non lembra o día de onte. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas. Nómades ancoradxs á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepultado.

Fiz e Lía farán estourar a normalidade ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de reverter o seu bloqueo e facerlle recordar. Ao tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com