Ampliación de beirarrúas no núcleo urbano de Castro Ribeiras de Lea

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, colabora co Concello de Castro de Rei e achega un investimento que supera os 266.500 euros, para levar adiante obras de ampliación e mellora en 1,2 quilómetros de beirarrúas da estrada autonómica LU-113, no núcleo urbano de Castro Ribeiras de Lea.

 Os traballos xa adxudicados, comezarán na segunda quincena de agosto. Teñen un prazo de execución de oito meses e desenvolveranse nun treito comprendido entre as proximidades do cemiterio de Duarría e o centro urbano da localidade,  en concreto á altura do cruzamento entre a praza Galicia e a praza Irmáns Fernández Quintana.

 O Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Francisco Balado e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) desprazáronse esta mañá ao lugar no que se acometerán os traballos e deron conta das características da obra proxectada.

 Unha obra moi demandada nun espazo con alto tránsito peonil

 Dáse a circunstancia de que o tránsito de persoas por estas beirarrúas é moi intenso, polo que se trata dunha obra moi demanda. Así por exemplo, a zona de actuación chega ao espazo no que se celebra o tradicional mercado todas as semanas, o propio cemiterio, parques infantís e importantes empresas.

 A colaboración entre a Xunta e o Concello busca proporcionar á poboación unhas estruturas de paso no mellor estado, que permitan unha circulación segura, illada dos vehículos e proporcionen as condicións de accesibilidade, comodidade e estética que a sociedade actual require.

Obras complementarias

O proxecto inclúe varias medidas complementarias como: colocación de ramplas de acceso aos garaxes e propiedades particular, mellora da sinalización vertical e horizontal, ademais está incluída a reposición e, no seu caso o traslado á zona ampliada, de servizos como a iluminación pública, sumidoiros, arquetas, etc…

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com