Ana Pontón apostou polo patrimonio como dinamizador das comarcas

Ana Pontón visitou o concello de O Incio e, dende alí, apostou pola “valorización do noso patrimonio para o desenvolvemento das comarcas de Interior”. A voceira nacional do BNG visitou o abandonado balneario da Ferrería, a Casa da Cruz do Incio e participou nun xantar con participantes no festival Terra Brava.

Pontón secundou as propostas do BNG de crear un plan de desenvolvemento turístico para a zona que conta con elementos tan singulares como a Ferrería, ou a Igrexa do Hospital. Pontón destacou, tamén, a existencia de iniciativas como o Festival Terra Brava que “é capaz de mobilizar a centos de persoas na comarca dende o traballo voluntario e asociativo poñendo en valor a música do país e a nosa cultura”.

 A voceira do BNG, puxo como exemplo dos “despropósitos” que se permiten neste país o caso do balneario da Ferrería do Incio. Un hotel-balneario no que se explotaron as augas medicinais dende a súa inauguración en 1882. No ano 1997 foi adquirido por un grupo inversor para a súa rehabilitación, xunto cunhas 1.000 hectáreas de monte. “Debido á mala xestión e á falta dun proxecto sostible e integrado no medio as obras quedaron paralizadas no ano 2005 e a reapertura do balneario non chegou a producirse. Neste momento tanto o edificio do hotel-balneario como as 1.000 hectáreas de monte que explotaba a veciñanza permanecen en mans privadas e sen posibilidade de beneficio para a comarca”.

 Durante a visita, Ana Pontón achegouse á Casona situada na Cruz do Incio, propiedade da Deputación e, segundo a nacionalista, “segue en total estado de abandono e con perigo de ruína”. A pesares dos anuncios do gobernos municipal e provincial que as obras ían comezar en 2015, “este edificio singular segue sen ter un destino nin se fixo para a súa rehabilitación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com