A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reivindicou esta mañá o papel e contribución das mulleres na loita contra o cambio climático, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que este ano leva por lema internacional ‘Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible’, que compartiu cos alumnos de Primaria do CEIP Paradai da cidade de Lugo.
Explicou que a loita contra o cambio climático e a igualdade de xénero non entende de idades e todos e cada un dos xestos, de persoas maiores e pequenas, suman no reto de acadar o necesario equilibrio entre homes e mulleres e o imprescindible respecto polo medio ambiente.
A conselleira indicoulles que cada 8 de marzo representa unha data significativa para recordar o obxectivo fixado pola Organización das Nacións Unidas (ONU) -acadar a igualdade de oportunidades e que todas as persoas gocemos dos mesmos dereitos e liberdades-, pero a presente edición é -se cabe- máis especial como conselleira de Medio Ambiente, porque pon o foco na sostibilidade.
Nese sentido, destacou que días como o de hoxe veñen a poñer de manifesto o papel relevante das mulleres galegas en todas aquelas medidas e accións que garantan o futuro de Galicia e do patrimonio natural.
Ángeles Vázquez puxo como exemplo o traballo do CEIP Paradai coa rapazada, para que os herdeiros do planeta “tomen conciencia de que o medio ambiente non é algo illado”, e felicitou ao equipo docente por integralo en todas as materias. Ao mesmo tempo, indicou – especialmente ás alumnas- que con esforzo e dedicación poden acadar as metas e obxectivos que se propoñan e, como futuras xeracións que son, “convértense desde xa” en parte da solución a cuestións relacionadas co urbanismo responsable, a protección da paisaxe ou o acceso á vivenda.