A Asociación Animalista Libera! denunciou esta mañá o “desinterese” da Xunta por un caso de presunto maltrato animal que se vén prolongando no termo municipal de Taboada dende 2018, cando constan as primeiras denuncia pero que, dende xullo de 2019 espera por un “decomiso” de nove cans “que non chega”.
A pesar de que os animalistas solicitaron unha incautación cautelar dos animais ao Xulgado de Instrución número 1 de Chantada, o mesmo que leva o coñecido caso da cadela Alma, tiroteada e asasinada e que se fixo viral nos medios de comunicación de todo o mundo, varios meses despois os animais continúan na mesma finca “supostamente baixo coidados do Concello de Taboada”.
Sen embargo, segundo os animalistas “fotografías recentes desminten que o consistorio se interesara o máis mínimo e chama a atención que este municipio nin tan sequera cumpra coa Lei de Benestar Animal de Galicia ao non dispoñen dun centro de recollida para dar cumprimento a esta iniciativa xudicial”.
Os animalistas denuncian que, despois de “moitas semanas” os cans seguen nas mesmas condicións “atados e con mendrugos de pan como único alimento, evidenciando a escasa sensibilidade do Concello e do propio Xulgado”.
LIBERA! lamenta que a Xunta se dera tanta présa por decomisar aos cachorros da cadela falecida de Chantada pero “ignore as decenas de casos ocultos que se reproducen en toda a provincia”, onde, segundo denuncia o colectivo, animais seguen encadeados de forma permanente, sen refuxio e soportando as inclemencias climáticas.
Xan 17, 2020 - 03:18 PM
Non entendo como os teñen así, pra que?