Ano sabático

Quen vive relativamente libre e se dedica a funcións de certa relevancia, pode permitirse e adoita tomarse un ano sabático para recapitular, clarificar ideas, re prantear obxectivos, e recomezar con forza a súa vida. O de sabático ven de lonxe, xa que os hebreos dedicaban o 7º día da semana (Sabbat) ao descanso, o mesmo que –despois de seis de cultivos- deixaban descansar a terra o sétimo ano.

Sempre admirei aos privilexiados –profesores, escritores, investigadores… – que eran quen de adoptar tan drástica decisión, pola miña imposibilidade de abdicar durante un ano tanto do traballo como da conseguinte compensación económica garante da subsistencia. E tiven que agardar á xubilación para entrar nun período sabático-laboral, no que xa levo oito anos, sendo este último o que mellor acredita o seu carácter.

Se nun ano normal veño participando nun cento de actividades culturais, este abafante 2020 resulta ser forzosamente sabático porque desde mediados de marzo ata o momento de aparecer este artigo levo participado en só dous actos, reducidos, controlados, e confeso que se por momentos sinto nostalxia dos tempos normais, teño entrado nunha especial situación de atonía na que o descanso non pide máis que seguir pechado.

O ano sabático está ben cando é voluntario, desexado, impulsado pola necesidade de mellora ou reafirmación. Pero este período sabático forzoso, pechado, retrógrado e cego, é malo en sí mesmo e corremos o perigo de deixarnos ir se non nos repoñemos interiormente, espiritualmente, para que –agredidos como estamos- nos sintamos máis fortes cando poidamos saír desde sábado mortal.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com