Un grupo de militantes adscritos a Anova Lugo e Espazo Ecosocialista Lugo, colaboradores na constitución inicial de Lugonovo como alternativa política nas últimas eleccións municipais e aderidos a título individual a esta plataforma, amosaron hai escasos minutos a súa “preocupación polos últimos acontecementos acaidos no seo” da agrupación municipal, segundo anuncian nun comunicado.
Anova e Espazo Ecosocialista denuncian que, hoxe en día, Lugonovo “adoece da transparencia, a pluralidade e a participación cidadá que figuran nos seus principios fundacionais”; para estes militantes resulta “indispensable” que se solucionen certas deficiencias que, ao seu ver, ten a plataforma municipal pois “do contrario Lugonovo non poderá considerarse un proxecto de unidade popular”.
Este comunicado de denuncia das dúas organizacións políticas vén dado pola recente dimisión dos catro membros de Podemos que pertencían á Coordinadora de Lugonovo, algo que para os de Anova e Espazo Ecosocialista é digno de criticar dado que o máximo órgano da agrupación “non foi capaz de realizar a necesaria autocrítica de cara a examinar os erros cometidos” que fixeron “mermar” a pluralidade desta alternativa política no Concello de Lugo.
Pero para Anova e Espazo Ecosocialista Lugo esta situación “non é nova” pois nos últimos meses veñen, aseguran, “asistindo a como fronte a proclamas de pluralidade e participación cidadá, o máximo órgano da plataforma non amosa nin ten capacidade para cumprir os seus propios acordos de cara a perfeccionar as canles de comunicación” cos militantes adheridos ou coa sociedade. Para estas dúas agrupacións carece de sentido afirmar que “Lugonovo é unha organización aberta se non se arbitran os mecanismos axeitados” de participación cidadá na plataforma.