A asociación contra a violencia de xénero ‘Si hai saída’ xunto coa Federación de Anpas de centros públicos da provincia de Lugo celebrarán este sábado a primeira da serie de charlas-coloquio que organizarán ao longo de todo mes para concienciar aos pais e nais da provincia sobre esta lacra e para axudalos a prever e detectar casos de violencia machista.
A primeira charla terá lugar este sábado en Lugo, ás once da mañá no centro social Uxío Novoneyra; pero as vindeiras semanas tamén se celebrarán coloquios similares en concellos da provincia como Chantada, Foz e Becerreá.
En declaracións a Lugo SiRadio, Marta Rodríguez, presidenta de’Sí hai saída’, sinalaba que esta actividade ten por obxectivo “axudar aos adultos á mellorar na prevención e identificación da violencia de xénero”. Dende a asociación lembran que “só un maior nivel cultural de respecto aos dereitos de tódalas persoas permitirá que a sociedade avance”.