O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que outras seis empresas renunciaran á subvención que tiñan concedida ao abeiro do plan de emprego (Con)Trato Feito.
De acordo cun decreto asinado esta mesma mañá, xa son 44 firmas privadas as que desistiron de participar neste proxecto unha vez que xa tiñan outorgada a axuda, o que supón que preto do 60% das 75 empresas inicialmente beneficiarias desestimaron a subvención, ás que hai que sumar a entidade social que tampouco quixo recibir eses fondos.
En opinión dos populares, “o feito de que queden sen investir máis de medio millón de euros en fomento directo do emprego ben merece unha reflexión por parte dos socialistas, quen prefiren culpar aos empresarios, como demostra a hemeroteca do 9 de maio de 2017, en lugar de asumiren os seus erros”.
Antonio Ameijide incide en que “é imprescindible que a alcaldesa recoñeza a súa culpabilidade e, o que é máis importante, que dunha vez por todas destine eses 520.000 euros de remanentes á creación de emprego, como levamos pedindo moitos meses dende o Grupo Municipal do Partido Popular”.
Por último, Antonio Ameijide censura “o continuo silencio do goberno local, que o único que engade é incertidume e malestar aos cidadáns, que loxicamente se senten enganados despois de que un Plan de Emprego que se lles presentara como o gran revulsivo acabase sumido tamén no fracaso máis absoluto”.