Anxo Antón Queiruga Vila renova o cargo por catro anos máis como presidente de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Así o decidiron por maioría os votos de representantes das entidades membro directo en representación das 54 que conforman a Confederación, durante a celebración en Santiago de Compostela da XVII Asemblea Xeral Extraordinaria.
Este compostelán de adopción, e sonense de nacemento, conta con experiencia no movemento asociativo do ámbito da discapacidade dende o ano 1984, cando entrou en contacto coa asociación Ámbar da comarca da Barbanza. En 1997 iniciou a traballar en COGAMI como persoal técnico de administración e cinco anos despois será o responsable do Servizo de Intermediación Laboral. En 1998 entra a formar parte da xunta directiva como vicepresidente e en 2007 asume a presidencia de COGAMI, cargo que renova no día de hoxe e que compaxina dende hai tres anos coa presidencia de COCEMFE en Madrid e a vicepresidencia do Cermi Estatal.
Retos para os vindeiros catro anos
Entre os retos para estes novos catro anos que afrontará a nova xunta directiva de COGAMI, segundo apuntou Anxo Queiruga, están lograr a visibilidade e a participación en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, ademais da promoción da autonomía persoal e a vida independente.
Outra liña de acción de COGAMI será dar continuidade ao traballo desenvolvido no ámbito rural, para garantir que as persoas teñan as mesmas oportunidades no acceso aos servizos que unha persoa que viva na cidade.
O impulso do emprego é outro dos puntos salientables. Anxo Queiruga aposta por seguir traballando polo emprego das persoas con discapacidade, tanto nas empresas ordinarias como tamén nos centros especiais de emprego de iniciativa social. Para Queiruga é necesaria tamén a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación da Administración Pública, para dar oportunidades ao noso colectivo.
O presidente de COGAMI continuou a súa intervención incidindo na importancia do empoderamento da muller con discapacidade e na posta en marcha de políticas inclusivas que dean resposta ás necesidades das mulleres e nenas con discapacidade.
A cohesión do movemento asociativo potenciando o traballo en rede dende o ámbito local ata o europeo para a posta en marcha de proxectos innovadores; a formación e a educación inclusiva que garanta persoal, ferramentas e instalacións adecuadas; un sistema sanitario público, accesible, que garanta a adecuada intervención e o acceso a tratamentos e á investigación, son outros dos eixos fundamentais da folla de ruta de COGAMI para estes catro anos. “E todo isto, apunta Queiruga, require dun financiamento estable que garanta a continuidade e a posta en marcha de novos servizos que dean resposta ás necesidades e demandas das persoas con discapacidade”.