A A-6 rexistrou esta mañá unha forte colisión, na que se viron implicados un camión e dúas furgonetas e resultou ferida de carácter leve unha persoa.
O choque produciuse pasadas as nove desta mañá ao paso pola parroquia de Robra, en Outeiro de Rei. Así o explicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do accidente e solicitar asistencia para os posibles feridos. Finalmente, unha persoa necesitou atención sanitaria a causa das lesións de carácter leve que sufriu como consecuencia do impacto. Un golpe, por certo, que causou bastante alarma e fixo temer o peor entre os demais condutores.
Ademais, o sinistro provocou problemas na circulación, pois só hai habilitado un carril de paso mentres duran os traballos de limpeza da vía e retirada dos vehículos danados. Cómpre indicar que os vehículos ían cargados con diferentes mercancías, como é o caso do camión, que transportaba deterxente, e unha das furgonetas que levaba produtos de alimentación.
Tras recibir o 112 Galicia as chamadas de alerta activouse un operativo no que colaboraron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico e Bombeiros de Lugo e Vilalba. Do mesmo xeito, pasouse aviso ao persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.