A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) lanzan a campaña Abrimos las puertas para…, que consiste nun vídeo no cal os hostaleiros envían unha mensaxe chea de positividade e esperanza a través das webs e das redes sociais da Asociación pensando xa no día en que poidan abrir as portas.
O presidente da Asociación, Cheché Real, destaca que “o noso labor é tentar buscar solucións, como colectivo e dentro dos organismos nos que estamos integrados (CEHE e CEHAT), para que as consecuencias desta crise sanitaria sexan o menos prexudiciais posible”.
Os protagonistas desta campaña son os hostaleiros da provincia, “a través da canción El calor del amor en un bar, de Gabinete Caligari, demostran a súa capacidade de loita, a súa constancia e a súa lealdade cara aos seus clientes. Agora máis que nunca imos necesitar da axuda de todos para continuar co noso traballo, porque queremos abrir as portas para non volver a pechalas”, destaca Real.
O vídeo pode verse en apehl.org e eparacomerlugo.com